No ano 1916 tiña lugar, na cidade da Coruña, un feito de grande transcendencia no decorrer cultural e político da Galiza. A comezos dese ano lanzábase a idea de constituír unha asociación cuxo primeiro nome, suxerido por Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte, respondía á denominación de Liga de Amigos do Idioma Galego. Poucos meses despois, o dia 18 de maio, na Real Academia Galega, fundábase unha entidade que recibiu o nome de Irmandade dos Amigos da Fala, a cal, en moi pouco tempo, pasou a se coñecer como as Irmandades da Fala, cuxo obxectivo básico era a defensa, o pulo e o espallamento do idioma galego para, posteriormente, se constituír como unha plataforma en prol da lingua, a cultura e a identidade galega.